DELAS FEST 2023

Festival Feminista de Arte Urbana e Contextual

De marzo a setembro

DELASfest_Cadrado

O primeiro festival feminista de arte urbana e contextual en Europa está de aniversario: este ano celebramos a súa quinta edición! Orgullosas de acadar o primeiro lustro na historia do proxecto, desexamos celebrar os logros e avances colectivos subliñando a importancia e o valor de que as mulleres ocupemos artísticamente e, durante todo o ano, o espazo público.

Para iso, neste 2023 ideamos un programa especial de actividades que, desde o simbólico mes de marzo, achegará aos concellos de Ames, Brión, Compostela e Teo, diversas actividades sempre guiadas polo desexo de activar a participación comunitaria das nosas aldeas, vilas e cidades.

O programa desta V edición inclúe a proxección dun capítulo da serie documental Museo a Ceo Aberto (Ames, 25 de abril), dous roteiros de descuberta da arte urbana feminista (Brión, 8 de maio e Compostela, data por confirmar), un coloquio en torno a publicación Cando elas toman os muros: feminismo e arte urbana en Galicia (Compostela, no mes de xullo) e a estrea do Familia Delas Fest, que inclúe dous obradoiros para crianzas e as súas familias no mes de xullo, en Ames e Compostela (datas por confirmar).

Como cada ano, mantemos a Convocatorias de Anfitroas, para celebrar diversos encontros de convivencia entre colectivos, asociacións, veciñanza e e artistas e, do 4 ao 14 de setembro finalizaremos coa realización de catro novas intervencións murais en gran formato, que este ano asinan as artistas Amaia Arrazola (Brión), Julieta XLF (Ames), Doa Oa (Teo) e Eloise Gillow (Compostela).

Estade atentas, nos próximos días iremos actualizando a web con tódalas novidades! Tamén podedes suscribirvos a nosa nova canle de Telegram e non perdervos nada!

máis información en

7hcoop@7hcoop.gal