ANFITRIÓNATE!

CONVOCATORIA DE ANFITROAS PARA O DELAS FEST

1. Presentación

O Delas Fest, festival feminista de arte urbana e contextual é o primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa. Impulsado por 7H Cooperativa Cultural en 2019, desenvólvese anualmente nos concellos de Ames, Brión, Santiago e Teo co obxectivo de democratizar a expresión artística na rúa e contribuír ao combate das desigualdades que sofren as mulleres que crean no espazo público.

No marco da súa V edición, lanzamos novamente esta convocatoria para atopar a persoas e colectivos que queiran actuar como anfitrioas das artistas participantes no festival, colaborando no seu achegamento á historia e idiosincrasia dos contextos nos que se celebra.

2. OBXECTO 

Esta convocatoria ten por obxecto facilitar o achegamento das artistas ao contexto no que realizarán a súa intervención así como permitir á veciñanza destes municipios coñecer en primeira persoa ás artistas participantes e implicarse no seu proceso creativo. 

En cada un dos municipios conformarase un grupo de acollida que, baixo a coordinación da equipa de 7H, acompañará a creadora na descuberta da identidade do territorio a través de xornadas de convivencia. 

Debido ao espírito contextual do festival, é dicir, a súa vontade de construír vínculos e diálogos creativos entre as intervencións artísticas e a realidade sociohistórica na que estas se inspiren, estes encontros procuran servir como espazos para fornecer de información, relatos, memorias e experiencias ás artistas convidadas, enriquecendo o seu paso polo festival e facilitando que as súas obras non resulten alleas á comunidade que as acollerá.

3. DATAS E FORMATO DE PARTICIPACIÓN

As persoas anfitrioas participarán en dous encontros:

  • Encontro previo: terá lugar con anterioridade á chegada da artista ao concello de acollida. Realizarase un encontro presencial entre as persoas anfitroas e a equipa de 7H onde a artista participará de xeito virtual, funcionando como unha primeira toma de contacto entre as participantes e a creadora.
  • Encontro de acollida: antes de iniciar a súa intervención, a artista reunirase in situ coas anfitrioas para profundar no coñecemento sobre o territorio e desvirtualizar as súas habitantes.

O primeiro encontro celebrarase o luns 8 de maio en Ames, o martes 9 en Brión e o venres 12 en Teo, e o martes 30 en Compostela. O segundo encontro celebrase en setembro en tódolos casos.

Nos formularios de rexistro por concellos inclúese a información relativa a horarios concretos. 

4. CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN

Compromisos da organización coas persoas anfitroas:

  • Facilitar información da artista de acollida ás participantes con anterioridade a primeira xuntanza.
  • Comunicar, cunha antelación mínima dunha semana, as xuntanzas e actividades previstas nas que sexa precisa a participación das anfitrioas.
  • Facilitar a participación de todas as persoas nos encontros, garantindo que estes se desenvolvan nunhas condicións de acceso inclusivo. 
  • Velar porque os encontros se desenvolvan en ambientes seguros e libres de calquera forma de violencia. Non se aceptarán expresións de odio, machistas, racistas, nin, en xeral, ningunha intolerancia relativa a xénero, etnia, capacidades, posición socioeconómica, sexualidade, relixión ou procedencia.

Compromisos das persoas anfitrioas coa organización: 

  • Ter dispoñibilidade para comunicarse e colaborar coa organización e a artista, tanto antes como durante a celebración de festival.
  • Participar activamente nos encontros organizados.
  • Manter unha actitude respectuosa cara a todas as persoas.
  1. CRITERIOS DE SELECCIÓN

O envío dunha solicitude a esta convocatoria non implica necesariamente a súa aceptación. A equipa de 7H realizará unha selección das candidatas tendo en conta os seguintes criterios:

  • A conformación de grupos interxeracionais, paritarios e diversos
  • A dispoñibilidade e vontade de implicación das solicitantes
  • O coñecemento sobre o contexto que acollerá a intervención artística
  • A proximidade e vinculación coa liña temática e intereses da creadora de acollida