Delas Fest 2025
Sete anos tecendo arte urbana feminista e contextual
A sétima edición do Delas Fest converteu Santiago de Compostela, Brión e Negreira, incorporada nesta edición, nun espazo de encontro entre arte urbana, memoria, territorio e comunidade. Ao longo dos meses de xuño e xullo, o programa feminista de arte urbana contextual impulsado por 7H Cooperativa Cultural desenvolveu un proceso de creación colectiva que culminou coa realización de catro novas intervencións murais, ampliando o repositorio de obras que o festival vén construíndo desde 2019.
Nesta edición participaron as artistas María Peña-Mapecoo, Hanna Lucatelli, Galleta María e Tamara Baz, que desenvolveron os seus proxectos en diálogo coas comunidades que acolleron as intervencións. Os murais realizados en Santa Isabel e Vite-Vista Alegre, en Santiago de Compostela; na Avenida das Brañas, en Negreira; e xunto á EEI de Sabaxáns, en Brión, naceron dun proceso de escoita e intercambio coas veciñas e veciños dos distintos territorios.
As xuntanzas de anfitrioas volveron ser unha das pezas fundamentais do programa. A través destes encontros, as artistas puideron achegarse ás historias de vida, aos saberes e ás memorias das mulleres vinculadas a cada contexto, incorporando estes relatos aos bosquexos que posteriormente tomaron forma nos muros. A aposta polos procesos presenciais reforzou os vínculos entre creadoras e comunidade, consolidando unha das metodoloxías que distinguen o Delas Fest dentro do panorama da arte urbana contemporánea.
A programación incluíu tamén roteiros, paseos de coñecemento do territorio e outros encontros veciñais que permitiron afondar na historia e na identidade dos barrios e localidades participantes. Deste xeito, o festival continuou promovendo unha práctica artística situada, na que o contexto deixa de ser un simple escenario para converterse nun elemento central da creación.
A imaxe da edición foi realizada pola artista Lupita Hard, que homenaxeou á pioneira do graffiti Lady Pink a través dunha peza que reivindica os espazos de creación das mulleres artistas. Pola súa parte, Julia Yánez asumiu o deseño gráfico e a documentación audiovisual do programa, rexistrando tanto o proceso creativo como os encontros comunitarios que lle deron forma.
Un ano máis, o Delas Fest reafirmou os principios que sustentan o proxecto desde os seus inicios: a defensa da igualdade de xénero, a visibilización das mulleres artistas, o respecto pola liberdade creativa e o coidado das persoas e dos territorios implicados. Grazas á colaboración das comunidades participantes, das persoas que cederon os seus muros e das entidades colaboradoras, o festival continuou fortalecendo unha rede feminista de creación, pensamento e transformación social a través da arte urbana.
A programación da edición completouse no mes de setembro co desenvolvemento dunha nova entrega do Familia Delas Fest e con diversas actividades educativas en centros de ensino dos concellos participantes, ampliando o alcance do programa e achegando a arte urbana feminista a públicos de diferentes idades.