Ir ao contido da páxina
7H Coop

Anfitriónate Conxo!

Encontros de Anfitrioas con Janín e Yuda: cando a creación comeza coa palabra

No Delas Fest, a creación das intervencións murais non comeza diante da parede, senón arredor dunha mesa, nun paseo ou nunha conversa compartida.

Os Encontros de Anfitrioas son un dos piares do noso proceso contextual. Son espazos nos que as artistas coñecen, de primeira man, as persoas que habitan os lugares onde van intervir. Neles compártense historias, lembranzas, preocupacións, formas de vida e maneiras de entender o territorio. Son encontros para escoitar, dialogar e construír confianza. 

Este ano en Conxo celebramos tres encontros con Janín e Yuda. Os dous primeiros permitiron achegar ás artistas á diversidade de voces do barrio: compartimos a memoria das veciñas de Suarribas e Cruz da Nogueira e abrimos un segundo encontro a toda a veciñanza de Conxo e Compostela no CSC Aurelio Aguirre.

Daquelas conversas emerxeu unha idea que atravesa todo o barrio: Conxo como un lugar de comunidade, movemento e acollida. E foi precisamente unha das metáforas compartidas polas veciñas —a dun tendal comunitario como espazo de encontro e convivencia— a que acabou por prender a mecha do proceso creativo. Será que no Delas Fest sentimos unha especial querencia por estes espazos de encontro entre mulleres?

Este martes volvemos reunirnos para compartir o bosquexo definitivo. As artistas explicaron como todas esas historias, imaxes e emocións foron tomando forma no mural, nun encontro especialmente emocionante, no que algunhas veciñas descubriron que tamén elas pasarán a formar parte da intervención: ás veces, cando un proceso creativo se constrúe colectivamente, tamén devolve á comunidade un anaco de si mesma. 

Janín e Yuda continúan pintando ata o domingo 19 na confluencia entre a rúa Suarribas e a Cruz da Nogueira. Se vos achegades estes días, aínda estades a tempo de descubrir como segue medrando esta creación compartida.