Ir ao contido da páxina
7H Coop

Roteiros para descubrir o barrio de Conxo

O contexto de partida para Janín e Yuda

No Delas Fest entendemos a arte urbana como un proceso colectivo. Antes de comezar a pintar, as artistas mergúllanse no territorio para coñecelo desde dentro: escoitando, camiñando e compartindo tempo coas persoas que o habitan.

Aínda que previamente reciben un dossier con información histórica, social, xeográfica e patrimonial, son as experiencias vividas, os relatos en primeira persoa e os encontros coa comunidade os que verdadeiramente alimentan o proceso de creación contextual. Porque as obras non nacen só dun lugar, senón tamén das persoas que lle dan vida. 

Esta semana comezamos as actividades contextuais en Conxo, onde xa están a traballar as artistas mexicanas Janín e Yuda. 

No primeiro roteiro, guiado desde 7h, percorremos as intervencións murais do barrio e as súas Lecturas Vivas, descubrindo como a arte urbana forma parte da identidade de Conxo e das historias que atravesan as súas rúas.

Ao día seguinte visitamos a exposición Conxo, un concello de seu no CSC Aurelio Aguirre, para coñecer unha parte fundamental da historia do barrio e, despois, realizamos un roteiro guiado por Marisa Garea, mestra e veciña que compartiu con nós a memoria, o patrimonio e as vivencias dun territorio que só pode comprenderse desde quen o habita. 

Este proceso é o que fai do Delas Fest un programa feminista de arte urbana contextual: un tempo para observar, preguntar, escoitar e construír vínculos antes de crear. Un xeito de facer que as intervencións dialoguen co territorio e que a veciñanza as sinta tamén como propias, evitando que a arte se converta nun elemento alleo ou invasivo do espazo público.

Como atravesarán estes roteiros o proceso creativo de Janín e Yuda? Moi pronto poderedes descubrilo…