Delas Fest 2026
A VIII edición do Delas Fest espallarase ao longo de todo o mes de xullo polos concellos de Santiago de Compostela, Negreira e Brión.
Seguindo a estela do 2025, este ano o Delas Fest estende as súas actividades contextuais. Ademais das xuntanzas de anfitrioas, haberá roteiros, charlas… Un ano máis, continuamos a tecer unha rede feminista de traballo na que visibilizamos e reivindicamos a labor das artistas, en todas as súas facetas, e os saberes das mulleres que conforman as fontes documentais destas e sen as que o Delas Fest non tería sentido. Esta edición segue a crear toda unha xenealoxía ao redor do programa: e ti tamén podes formar parte! Participa nos distintos encontros de anfitrioas e súmate as actividades contextuais que iremos actualizando nas nosas redes!
As catro intervencións murais deste 2026, están ao cargo dos pinceis e sprais das artistas mexicanas Janín Nuz (San Luis Potosí, 1990), ilustradora e artista urbana, que levará a súa arte á rúa Cruz da Nogueira nº10; Yuda (Jalisco, 1998), muralista e artista en gran formato, que desenvolverá o seu traballo na rúa Suarribas nº61; e das galegas Nana (Santiago de Compostela, 1983), artista urbana, ilustradora e educadora artística, que pintará na Piscina Municipal de Brión (Be One, Lugar de Pedrouzos, s/n), e Isa Bermúdez (Hadamar, Alemaña, 2001) que compaxina a práctica e docencia artística, e executará a súa obra no espazo que acolle a Unidade de Atención Temperá de Negreira (Rúa Rosalía de Castro, 1).
As intervencións murais terán lugar entre o 13 e 19 de xullo en Compostela, entre o 17 e o 23 de xullo en Brión e entre o 27 de xullo e 2 de agosto en Negreira. Chegar aos muros é posible grazas á convocatoria de Muros en Man Común, aberta todo o ano para que a veciñanza destes concellos poidan candidatar as súas fachadas a este repositorio.
O cartaz da presente edición é obra da artista Pía Piadosa (Lugo, 1991), que creou unha medusa da pintura para protagonizalo. Para a tipografía, feita a man, inspirouse na artista urbana Margaret Kilgallen, finada en 2001.
Queredes unirvos ao Delas Fest? Estade atentas á información na web e nas nosas redes.
Este programa é posible grazas á liña de subvencións da Deputación da Coruña, aos Concellos de Santiago, Brión e Negreira, e ao patrocinio de Montana Colors, Ibersa-El Mundo del Pintor, Alro Maquinaria e Gadis, así como á colaboración de Cafés Candelas e Daveiga-Galletas Mariñeiras.
PROGRAMA DE ACTIVIDADES CONTEXTUAIS EN COMPOSTELA
Mércores 8 de xullo.
- 10h Roteiro polas intervencións murais de Conxo e Lecturas Vivas polo barrios. Punto de partida: mural de Medianeras Murales na Rúa de Manuel Beiras nº 7.
- 18h Encontro de anfitrioas coas veciñas de Suarribas e Cruz da Nogueira. Punto de encontro: Rúa de Suarribas nº32.
Xoves 9 de xullo.
- 10h Conxo, un concello de seu. CSC Aurelio Aguirre. Visita á exposición que permite coñecer a historia do barrio cando era Concello.
- 11h Roteiro polo barrio da man de Marisa V. Garea, mestra de Educación Infantil e veciña de Conxo. Punto de partida: CSC Aurelio Aguirre.
- 17.30h Anfitriónate Conxo! Encontro de anfitrioas no CSC Aurelio Aguirre, aberto a toda a veciñanza de Conxo e Compostela. Require inscripción previa.
Obradoiros e encontros
-
Roteiros para descubrir o barrio de Conxo
O contexto de partida para Janín e Yuda
-
Anfitriónate Conxo!
Encontros de Anfitrioas con Janín e Yuda: cando a creación comeza coa palabra