Anfitriónate!
1. Presentación
O Delas Fest, programa feminista de arte urbana contextual é o primeiro festival de arte urbana contextual con perspectiva de xénero de Europa. Impulsado por 7H Cooperativa Cultural, desenvólvese desde 2019 na comarca de Compostela co obxectivo de democratizar a expresión artística na rúa e contribuír ao combate das desigualdades que sofren as mulleres que crean no espazo público.
No marco da súa VIII edición, lanzamos novamente esta convocatoria para atopar a persoas e colectivos que queiran actuar como anfitrioas das artistas participantes no festival, colaborando no seu achegamento á historia e idiosincrasia dos contextos nos que se celebra.
2. Obxecto
Esta convocatoria ten por obxecto facilitar o achegamento das artistas ao contexto no que realizará a súa intervención así como permitir á veciñanza destas localizacións coñecer en primeira persoa ás artistas participantes e implicarse no seu proceso creativo.
En cada un dos lugares onde se realizarán as intervencións murais, conformaremos un grupo de acollida que, baixo a coordinación da equipa de 7h, acompañará á creadora na descuberta da identidade do territorio a través de diversas xornadas de convivencia.
Debido ao espírito contextual do programa, é dicir, a súa vontade de construír vínculos e diálogos creativos entre as intervencións artísticas e a realidade social, cultural e histórica na que estas se inspiran, estes encontros procuran servir como espazos para fornecer de información, relatos, memorias e experiencias ás artistas convidadas, enriquecendo o seu paso polo festival e facilitando que as súas obras non resulten alleas á comunidade que as acollerá.
3. Datas e formato de participación
As persoas anfitrioas participarán ao menos en dous encontros:
- Encontro previo: terá lugar con anterioridade ao inicio das intervencións como un primeiro achegamento presencial ao contexto. Realizarase como mínimo un encontro entre as persoas anfitrioas e a artista seleccionada a fin de axudar á artista no proceso de creación, profundar no seu coñecemento sobre o territorio e convertir as veciñas en peza clave do proceso.
- Encontro de acollida: ao inicio da súa intervención, a artista reunirase de novo coas anfitrioas para presentarlles en primicia o bosquexo final e, de ser necesario, matizar calquera detalle sobre o coñecemento colectivo adquirido.
Xunto a cada formulario de rexistro inclúese a información relativa a datas e horarios concretos.
4. Condicións de participación
Compromisos da organización coas persoas anfitrioas:
- Facilitar información da artista de acollida ás participantes con anterioridade a primeira xuntanza.
- Comunicar con antelación as xuntanzas e actividades previstas nas que sexa precisa a participación das anfitrioas.
- Facilitar a participación de todas as persoas nos encontros, garantindo que estes se desenvolvan nunhas condicións de acceso inclusivo.
- Velar porque os encontros se desenvolvan en ambientes seguros e libres de calquera forma de violencia. Non se aceptarán expresións de odio de ningún tipo.
Compromisos das persoas anfitrioas coa organización:
- Ter dispoñibilidade para comunicarse e colaborar coa organización e a artista, tanto antes como durante a celebración de festival.
- Participar activamente nos encontros organizados.
- Manter unha actitude respectuosa cara a todas as persoas.
5. Criterios de selección
O envío dunha solicitude a esta convocatoria non implica necesariamente a súa aceptación. A equipa de 7h realizará unha selección das candidatas tendo en conta os seguintes criterios:
- A conformación de grupos interxeracionais, interseccionais e diversos.
- A dispoñibilidade e vontade de implicación das solicitantes nas distintas xuntanzas.
- O coñecemento sobre o contexto que acollerá a intervención artística.
- A proximidade e vinculación coa liña temática e intereses da creadora de acollida.