Muros en man común

CONVOCATORIA DE ESPAZOS PARA O DELAS FEST

1. Presentación

O Delas Fest, festival feminista de arte urbana e contextual é o primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa. Impulsado por 7H Cooperativa Cultural en 2019, desenvólvese anualmente nos concellos de Ames, Brión, Santiago e Teo co obxectivo de democratizar a expresión artística na rúa e contribuír ao combate das desigualdades que sofren as mulleres que crean no espazo público.

2. OBXECTO 

Esta convocatoria ten por obxecto crear un repositorio de muros mancomunados para a creación artística no marco do Delas Fest, ampliando o seu territorio de acción coa implicación da veciñanza. 

Para descentralizar e espallar as obras artísticas realizadas ao abeiro do festival por diferentes recunchos da comarca de Compostela, buscamos a persoas ou entidades que, como propietarias ou co-propietarias dalgún inmoble ou edificación, desexen ceder gratuitamente algunha parede ou muro susceptible de ser soporte das intervencións artísticas. Estas intervencións desenvolveranse sempre desde o diálogo creativo co contexto sociohistórico e o espazo físico que as acolla, procurando a súa integración no resultado final.

3. MODALIDADES

As intervencións artísticas desenvoltas no Delas Fest realízanse a través de dúas modalidades e sobre soportes de diferentes tamaños e características:

  • Modalidade A: intervencións de gran formato. Para este tipo de obras buscamos medianeiras ou paredes cunhas medidas aproximadas de, cando menos, 40 metros cadrados e entre 5 e 12 metros de altura.   
  • Modalidade B: intervencións de mediano e/ou pequeno formato, desenvoltas no marco de obradoiros participativos dirixidos por especialistas e realizados a través de procesos de creación colectiva con persoas de diferentes perfís. Para este tipo de pezas, procuramos pequenos muros ou paredes cunhas medidas aproximadas de entre 7 e 12 metros de longo e non máis de 2 metros de altura.

4. CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN

Por unha banda, a persoa cedente comprométese a:

  • Facilitar sen custo de cesión o espazo proposto para a realización dunha intervención artística no marco do Delas Fest.
  • Non impoñer condicionantes referidos á temática e/ou execución artística, de forma que non se atente á liberdade da creadora designada pola organización. 
  • Non obstaculizar a visión da fachada mediante ningún tipo de instalación permanente.
  • Non superpoñer elementos publicitarios na parede ou muro sobre o que se realizou a intervención artística durante un período de tempo non inferior a 8 anos no caso da “Modalidade A” e de 3 anos no caso da “Modalidade B”.

Por outra banda, a organización comprométese a: 

  • Supervisar o desenvolvemento das intervencións artísticas nos espazos cedidos.
  • Tramitar os permisos necesarios para a intervención artística, así como a asumir todos os custos asociados á súa realización, incluído o seguro de responsabilidade civil obrigatorio. 
  • Elaborar e asinar un acordo de colaboración entre as partes con anterioriade á cesión do espazo a intervir no que consten as condicións específicas do mesmo. 

Presentarse a esta convocatoria non implica que, necesariamente, os espazos candidatados vaian ser aceptados. A equipa de 7H realizará, en colaboración cos concellos que apoian o festival, un estudo pormenorizado de cada un dos emprazamentos para determinar a súa idoneidade.

Máis información en 7hcoop@7hcoop.gal / 637894033