Doa Oa (Sober, 1986)

Doa Ocampo Álvarez, coñecida artisticamente como Doa Oa, é unha artista visual multidisciplinar especializada na pintura mural. Licenciada en Belas Artes e formada en fotografía entre Galiza, Portugal e México, o seu interese pola arte contextual e a súa paixón pola defensa da conservación do medio levárona en 2015 a crear o proxecto de intervención no espazo público Reforestando, convertido no eixo central da súa traxectoria.

A través da realización de murais protagonizados por motivos naturais, a creadora luguesa procura rexenerar lugares abandonados, devolvendo ao mundo vexetal espazos que lle foron arrebatados e, á vez, osixenando localizacións urbanizadas ou afectadas polo impacto do ser humano con elementos que os conectan co seu estado primitivo, poderoso e salvaxe. 

Con esa vontade, opta por visibilizar as especies autóctonas da zona na que pinta ou aquelas que teñen unha vínculación especial coas súas habitantes, xa sexa por seren identificables e recoñecibles pola poboación, polo seu rol na cultura popular a través de usos tradicionais na menciña e na gastronomía, ou pola súa relación co traballo na terra.

Xunto coa carga simbólica deste enfoque, as súas composicións, caracterizadas pola súa viveza e cor, transcenden o plano estético para adquirir un carácter didáctico grazas ao coidado detalle co que pinta ás plantas, flores e árbores, habitantes de fachadas en Italia, Kosovo, Portugal e diversos puntos de España e do noso país.

Máis información:

Website