Co fin de dar resposta á sistemática invisibilización feminina nos procesos de transformación artística da nosa cidade, así como aos discursos que a xustifican baixo a escusa da suposta inexistencia de mulleres artistas ou da igualmente falsa “menor calidade” das súas obras, en 7H Cooperativa Cultural iniciamos hai anos un proceso de investigación orientado a impugnar este relato, tan dominante nas instancias académicas dedicadas ao estudo da arte urbana coma arraigado entre profesionais do sector do urbanismo e a cultura.
Baixo o convencemento de que existen mulleres que se interesan e crean no espazo público, con traballos da mesma valía e merecedores do mesmo respecto e recoñecemento que os asinados por homes, os nosos labores de estudo e pescuda desembocaron na creación do programa artístico-educativo Elas tamén Pintan. Desenvolto co financiamento do Concello de Santiago durante dúas edicións, nos anos 2017 e 2018, foi un laboratorio de arte urbana en clave feminista orientado a concienciar á mocidade sobre as desigualdades de xénero neste eido creativo e a dotar ás mulleres máis novas dun espazo formativo e de creación libre e seguro.
Agora, co pouso das aprendizaxes adquiridas e a experiencia acumulada nestes anos, retomamos a proposta, reforzándoa e enriquecéndoa respecto á súa concepción orixinal e incorporando dun xeito máis explícito e consciente a mirada LGTBIQ+.
Para conseguilo, buscamos a colaboración de colectivos, asociacións e entidades vinculadas ao movemento feminista e LGTBIQ+, así como colectivos de mulleres en situación ou risco de exclusión social e axentes veciñais e socioculturais, especialmente dos barrios de Conxo, Santa Marta, Pontepedriña-Castiñeiriño e Vista Alegre, onde se desenvolverán as distintas accións.
Ao tempo, buscamos a implicación de 20 persoas, preferentemente mulleres de entre 14 e 30 anos ou maiores de 65, que queiran axudarnos a transformar artisticamente o barrio de Conxo a través da pintura mural e implicarse no global da proposta. O programa desenvólvese a través de tres módulos de actividades, nas que se combinan a teoría e a práctica e os formatos presencial e virtual; e unha xornada lúdico-creativa de peche.
Todas as actividades están subvencionadas polo Concello de Santiago a través da Convocatoria de axudas de apoio a actividades culturais para o sector profesional 2021, polo que a participación é totalmente de balde para as interesadas.
Inscricións en 7hcoop@7hcoop.gal