Debuxante antes de ter consciencia de selo, Eva (1990) foi unha nena imaxinativa que gozaba entre silveiras, gabeando pola figueira da súa avoa e intercambiando lanzamentos de bostas secas coas súas veciñas e o seu irmán. As paredes da súa habitación en Lavacolla, inzadas de borranchos, frases e cálculos matemáticos, eran as proféticas pinturas rupestres dunha vocación nas medras.
Hiptonizada polos debuxos de ollos xigantes que a observaban a través da pantalla do televisor, Sakura Cazadora de Cartas e o resto de animes do Xabarín Club sementaron influencias inspiradoras que acabaron por agromar nun futuro ilustrado con lapis de cores. Á vez, nos xa case extintos foros de Internet, a busca da fotoxenia da súa colección de bonecas kekas animouna a explorar coa fotografía a poética do diálogo entre as luces e as sombras, no que achou as raíces do alias co que asina as súas obras.
Komorevi é unha freak orgullosa. Nas parénteses para os praceres pequenos transita, a ritmo de metal, entre os universos paralelos de Azeroth e os escenarios de reminiscencias góticas do seu roupeiro lolita. Aínda que argumenta sentir un pracer especial ao pasear soa e sen rumbo, adoita repetir percorridos debido aos seus periódicos esquecementos e simpáticos despistes, efectos colaterais dunha capacidade de abstracción activa e demandante.
En 2015, engaiolada pola oportunidade de integrar unha Patrulla-X das artes e a cultura, uniuse á aventura colectiva de dar vida a 7H. Desde entón, sostén unha das batutas de coordinación de proxectos da cooperativa e constrúe mundos de amor e rebeldía habitados por mulleres bravas e nenas raras con problemas.