Familia Delas Fest
AGOSTO E SETEMBRO


Para celebrar a quinta edición do Delas Fest, festival feminista de arte urbana e contextual, estreamos o Familia Delas Fest, un espazo onde descubrir a arte urbana contextual coa familia dunha forma lúdica e divertida!
Queres participar? Estaremos en Santiago de Compostela o xoves 31 de agosto ás 17h e o venres 1 de setembro en Bertamiráns (Ames) ás 17, cuns obradoiros dirixidos a todos os membros da familia, a partir de 3 anos ata 99 (ou máis!)
Coñeceremos e experimentaremos cos materiais e ferramentas propias da arte urbana mentres traballamos de xeito interxeracional coa familia durante todo o proceso.
Que precisamos? Dado o carácter contextual do Delas Fest, quen participe no taller deberá realizar unha pequena investigación de recollida previa de nomes propios na súa familia. Cantos se poden conseguir? Hai algún que se faga raro ou curioso? Son nomes galegos, en castelán ou noutra lingua?
Despois, plasmaranse eses nomes sprai en man, usando esténciles, creando letras incríbeis! Os resultados serán sorprendente.
Os materiais, pintura e sprais que empregaremos, son adaptados para todos os públicos, con base de auga e non tóxicos. Igualmente, se alguén ten un problema respiratorio de moita sensibilidade, recomendamos achegar un cubrebocas.
Para que crianzas e persoas adultas pinten con tranquilidade, recomendamos traer zapatos e roupa cómoda, que non sexan prendas moi delicadas e que poidan mancharse.
As prazas son limitadas, polo que é necesario apuntarse. En función do número de inscritos poderán crearse grupos novos.