Julieta XLF (Valencia, 1982)
Julieta Silla (Valencia, 1982) máis coñecida como Julieta XLF é unha artista urbana especializada en ilustración. Licenciada en Belas Artes e Mestrado en Ilustración pola Universidade Politécnica de Valencia, achégase ao mundo do grafitti dende rapaza e como parte do colectivo XLF dende o ano 2003. As súas personaxes, case oníricas, ocupan muros en Valencia, Alicante ou Madrid, pero tamén en Francia, Italia, Bélxica, Brasil ou Chile.
A iconografía de Julieta XLF ten un marcado aire naif. Nenas ou mozas (personaxes femininos de idade indeterminada) xunto con diferentes elementos da natureza, conforman un imaxinario propio co que construír historias.
As súas intervencións, a cabalo entre o mundo real e o fantástico, poderiamos dicir que teñen influencias do kawai xaponés e do pop piscodélico, cercanas á iconografía adolescente de toda unha época; sen embargo, as rapazas de Julieta bucan abrir unha fenda, unha fiestra nos muros de cemento onde a natureza poida recuperar ese espazo que lle foi roubado nos entornos urbanos.
Os seus murais están sempre protagonizados por elas, rapazas donas das súas propias aventuras e pensamentos, que espallan luz e cor a través de formas orgánicas e cores brillantes. A vinculación coas súas orixes, a danza e o movemento no ritmo das formas, e a luz do mediterráneo nas cores escollidas, mistúranse con estudos sobre a fauna e flora das zonas a intervir e a reivindicación e visibilización do feminino.
As pezas de Julieta transmiten esperanza, son un chamamento de atención, unha crítica en positivo cara seguir construíndo. O seu traballo está recollido en seleccións e certámenes do noso país, pero tamén de América Latina ou Estados Unidos e podemos atopar as súas intervencións murais en Valencia, Alicante ou Madrid, pero tamén en Francia, Italia, Bélxica, Brasil ou Chile.