A Roga Cultural de REAS Galicia
O pasado 2 de outubro estivemos en Vedra acompañando a REAS Galicia, entidade da que formamos parte, na dinamización da Roga Cultural. A Economía Social e Solidaria para unha Cultura Sostible e Comunitaria, unha xornada para coñecernos, compartir recursos e pensar colectivamente como fortalecer o tecido cultural desde os principios da economía social e solidaria.
Desde 7h cooperativa cultural encargámonos de facilitar os espazos de diálogo e traballo colectivo da mañá, combinando unha conversa inicial arredor dos retos da cultura comunitaria, con dinámicas participativas orientadas a identificar necesidades e construír respostas compartidas.
32 persoas vinculadas a proxectos culturais, entidades da economía social, administracións públicas e colectivos sociais puxeron en común preocupacións, capacidades e recursos, buscando transformar as dificultades individuais en oportunidades de colaboración e apoio mutuo.
A falta de tempo, os problemas de liquidez e tesourería e as dificultades para artellar espazos de gobernanza compartida apareceron entre as necesidades máis recorrentes. Pero tamén quedou patente que contamos con moitos saberes, ferramentas e competencias que podemos poñer ao servizo doutras iniciativas. Coñecernos mellor é, precisamente, un primeiro paso para tecer esas redes.
A xornada permitiunos reflexionar tamén sobre os límites da cooperación cando os problemas son estruturais: a necesidade de fortalecer os servizos públicos de cultura, avanzar na contratación pública responsable e crear condicións que garantan a continuidade dos proxectos culturais.
Porque non faltan iniciativas, coñecementos nin ganas de facer cultura doutro xeito. O que moitas veces falta son os tempos, os recursos e as condicións para que estes proxectos poidan sosterse no tempo.
Desde 7h cremos no valor destes espazos de encontro, nos que parar, escoitarnos e recoñecernos como parte dunha mesma rede. A cultura comunitaria constrúese desde o territorio, desde as persoas e desde a capacidade de facer xuntas. E a economía social e solidaria ofrécenos ferramentas valiosas para seguir avanzando cara a modelos culturais máis xustos, participativos e sostibles.
Grazas a REAS Galicia por permitirnos artellar este encontro e impulsar este tipo de iniciativas. Seguimos sementando cultura en común!