Ir ao contido da páxina
7H Coop

Compostela Lectora, Compostela de Libro

Quen le constrúe os seus espazos lectores. Estes poden ser tan diversos como as persoas que sosteñen un libro entre as súas mans. Hai quen prefire quedar na casa, no sofá, na cama, na cociña ou nunha galería pola que entre o sol de cheo. De feito, o fogar é o lugar máis habitual para ler, segundo responderon as participantes dos distintos clubs de lectura nunha enquisa feita para a SELIC.

No entanto, hai quen busca rincóns verdes. Parques e xardíns son os seguintes lugares escollidos para deterse a ler. Tamén hai quen prefire estar lendo en movemento, dentro dun autobús urbano ou do vagón dun tren. Outras persoas elixen cafeterías e bares, e hai quen convirte a espera forzada nunha sala antes de ir ao médico na súa parada lectora.

Os terceiros lugares máis mencionados son as bibliotecas e os centros socioculturais, convertidos en segundas vivendas lectoras, non só para gozar dun libro, senón tamén para compartir lecturas e pareceres ao redor deles.

Desde 7h, apoiadas nas respostas dos clubs, argallamos para a SELIC 25 unha sinaléctica que indicaba aqueles puntos onde unha se podía deter a ler. Prazas, parques, paradas do bus… resaltaron por uns días o seu papel na lectura. As paradas lectoras, efémeras, dan agora paso aos puntos de lectura, marcas repartidas pola cidade que nos lembran a diversidade de espazos que nos podemos atopar en Santiago e que convidan a ler, amosando esa Compostela Lectora da que fala o lema da Semana do Libro.

Para resaltar a outra pata do slogan, Compostela de Libro, deseñouse unha liña de bus na que se asociaban as lecturas con aqueles espazos nos que podían estar a suceder as historias.

Uns e outros símbolos construíron un mapa lector que medra cada día porque, quen non ten un espazo lector?

Este proxecto foi artellado de xeito colectivo en colaboración cos clubs de lectura dos CSC de Santiago, da Biblioteca Ánxel Casal, das librarías Lila de Lilith e Númax e da asociación AVANTE LGBT+.

O deseño foi realizado por Julia Yanez, e impreso en Axeitos