Ir ao contido da páxina
7H Coop

Elas Muralistas en Monte Alto

Fotografía da intervención mural resultado do proceso (Julia Yanez)

Comezaba o curso 25-26, igual que empezaba ano, co proxecto Elas Muralistas que desenvolvemos no C.I.F.P. Ánxel Casal da Coruña. A nosa encomenda era achegar ao alumnado do ciclo de Animación Sociocultar e Turística como levar a cabo un proxecto de arte urbana con ollada feminista e contextual que representara os coidados, a principal liña de formación que traballan as distintas ramas profesionais do centro.

O primeiro foi responder á pregunta: que é a arte urbana feminista e contextual? Para iso, mergullamos á rapazada e profesorado acompañante nunha sesión teórica na que puideron entender tanto a evolución desta rama como as distintas posibilidades artísticas que ofrece.

A partir de aí, foi meter as mans en fariña. Na segunda sesión traballamos o contexto desde unha perspectiva de investigación de arquivo: historia, cultura, xeografía, flora, fauna… Unha parte do alumnado elaborou unha enquisa que distribuiu entre o profesorado que abordaba temas, persoas… que consideraban que a intervención mural final debía reflectir. Isto levounos a descubrir o que significa tanto o C.I.F.P. como situarse nun barrio con tanta personalidade coma o de Monte Alto. Con esta información, elaborouse un dossier conxunto entre 7h e o alumnado.

Nesa xornada comezaron a xurdir nomes e intereses. A importancia e invisibilidade dun traballo como o de conserxe, feminizado en numerosas ocasións. Tamén a labor de profesoras como Carmen Loriga e Puri, referentes educativas para o alumnado, das que destacaron a súa capacidade de xerar alianzas, de escoitar, o seu carácter optimista… Todas elas son coma esa bebida quente que reconforta nos malos momentos. As que abren todas as portas. Con elas e con Nana (artista urbana e ilustradora encargada da intervención mural) puidemos falar nunha sesión compartida na que o alumnado entendeu, de primeira man, o que significa construír de xeito comunitario.

Así, Nana recollleu sentires para converter o muro de entrada ao centro nunha mullerenaxe a aquelas que coidan, sen chamar a atención, de que todo funcione, que son nexo de unión. A imaxe representa as Patri, Carmen e Puri que, co seu bo facer, consiguen que os lugares nos que traballen se convirtan en espazos de convivencia e nos que estar a gusto.