SOMOS (persoas)
Aquí estamos para sementar procesos,
poñer os corpos, escoitar os contextos
e facer da empatía e a beleza unha forma de rebeldía.
Con cada traballo convertemos o encontro nunha práctica, a alegría nunha posición política, e a(s) comunidade(s) lugar(es) onde imaxinar xuntas mellores futuros posibles. Pero quenes somos?
Agradecidas e culpables na 7h hai persoas diversas en canto a formación e vida, mais que compartimos un mesmo xeito de ver o espazo que habitamos e a sociedade da que formamos parte.
-
Andrea Barreira Freije
Unha vez, de nena, dixéronlle que era unha defensora das causas perdidas, quizais por iso acabou estudando xornalismo e adicándose á cultura cooperativa. Traballar con e para a comunidade cunha ollada participativa vén de certa (ás veces excesiva) confianza no ser humano e a teimosía de crer que un mundo mellor é posible. E por se isto non chega, porfía nos libros que escribe, aos que lle gusta dar certo aire máxico, surrealista, estraño… por iso de saírse da realidade de cando en vez.
Como non todo na vida é traballo, forma parte da Sega, dos Tiger Tones, do club de lectura da Lila de Lilith, dos cafés ao sol e con choiva, das lecturas terroríficas (e extravagantes), tamén de bruxas e meigas (e demais seres máxicos), dos paseos polo monte (e polos parques), do pilates dos martes, da desconexión do piano e do sudoku diario. Quizais algún día retome a calceta, o tango, volva subir a uns patíns ou adopte, de novo, unha cadela, pode que algún día deixe de ser unha lamberoa (ou non)
E pouco máis que engadir (sen profundar en árbores xenealóxicas e sensanguíneas, que daría para outra historia xa só pensando nos xogos coas afilladas) -
Clara Rodríguez Cordeiro
Descrita nunha ocasión como muller incómoda no sentido positivo da palabra, aprendeu cedo que o seu bando era o das meigas e o das preguntas que cuestionan o establecido. Esta forma de ver, sentir e estar no mundo levouna a observar con outros ollos (lilás) a historia da arte e o mundo do comisariado e a educación artística. Sen deixar nunca de aprender e formarse, pon os seus coñecementos ao servizo do mundo da economía social e das prácticas artísticas participativas. Cre, con firmeza, constancia e consecuencia, que a realidade se transforma en comunidade e que as culturas vivas son das mellores ferramentas!
A súa traxectoria de vagar transcorreu entre entrenamentos e competicións de agility, álbums e libros ilustrados, bonecas de ollos grandes, fotografías tomadas e coleccionadas (mellor canto máis antigas e, a poder ser, que teñan cans e crianzas), crews e compañeiras da arte urbana (con sprai ou posca en man e compartindo experiencias vitais), sesións de ioga e clubs de bordado. Quizais algún día retome o de conducir un coche, mais polo de agora ten ganas de volver a Venecia a pasear en góndola ou, polo menos, quitarse as ganas nalgunha gamela rianxeira!
E todo isto sen entrar en todos os mundos, incansables e infinitos, que ergue coa súa pequena Noa (e con Juan) no parque, na casa, na praia e aló onde pés e rodas as leven…