Pri Barbosa

Priscila Barbosa (São Paulo, 1990) reivindica a beleza do corpo, do corpo en toda a súa diversidade. A través da arte visual, mural e a ilustración representa mulleres transformadoras da realidade.

 

Pri Barbosa, empregando unha paleta de cores que se move entre os tons rosas, consegue que a muller revolucionaria cobre vida, reivindicando o seu espazo, desde o doméstico, convertendo o aparentemente dócil en rebeldía.

 

Cun estilo poético, o corpo tórnase natural, fluído, presente. O seu traballo parte da reflexión que xorde das conversas entre as amigas, coas compañeiras de profesión, coas lecturas e incluso do análise de comportamentos propios, nun proceso de constante deconstrución. 

 

O apoderamento, a sororidade, a comunidade, son temas recurrentes nunhas obras nas que usa os trazos finos, as formas delicadas, para dar forza á mensaxe que quere lanzar coas súas imaxes

 

Malia que a súa pintura se centra na muller revolucionaria de América Latina, ten realizado murais en países como Francia, Ecuador ou Bosnia-Herzegovina, sempre poñendo o foco en como, desde a arte, se poden mudar as relacións de poder, os comportamentos habituais e os canons de beleza.

Máis información:

WebsiteInstagram