Ir ao contido da páxina
7H Coop

Mulleres (Rur)Urbanas. Inside Out Project

Ano
2019
Lugar
Pontevedra
Cliente
Universidade de Vigo, Concello de Pontevedra
Xestión e mediación cultural
Cultura comunitaria e prácticas artísticas participativas

Inside Out Project, o proxecto colectivo de arte urbana máis grande do mundo, desenvólvese a través da iniciativa de diversos grupos locais, encargados de realizar accións artísticas que, arraigadas no territorio, transforman o espazo público nun lugar colectivo de expresión onde todas podemos ser artistas.

Iniciado no 2011 polo recoñecido artista francés JR (Paris, 1983) e realizado desde entón en máis de 153 países e 2.907 localizacións, Inside Out Project chegou a Pontevedra baixo a iniciativa de 7H e en colaboración coa Universidade de Vigo e o propio concello.

Tras unha convocatoria pública entre o alumnado universitario, no mes de outubro conformouse un grupo de acción artística integrado por 35 alumnas da facultade de Belas Artes quen, en coordinación coa equipa de 7H, remataron de definir a proposta e o seu alcance.

Coa vontade de apoderar ás mulleres do rural galego e celebrar a nosa identidade a través de técnicas de creación contemporánea, o grupo buscaba reivindicar e visibilizar o esquecido, e mesmo desprezado, rol feminino na creación e sostén do benestar común. Con esta meta, iniciouse unha ampla recollida de testemuños e fixéronse retratos fotográficos a máis dun cento de mulleres, con capacidades e ocupacións diversas.

Como resultado deste traballo e diálogo interxeracional, as participantes instalaron cento catro retratos en formato póster en distintos espazos da cidade, escollidos por estar, tradicionalmente, reservados aos sectores masculinos, ilustrados e urbanos da sociedade: a Universidade, a Casa Consistorial e a Casa das Campás.

Unha fermosa instalación que tivo a mala fortuna de ser, probablemente, a última acción artística antes de que nos confinaran, exactamente, o mesmo día da súa inauguración. Con todo, as nosas retratadas continuaron na rede o seu camiño internacional.