Rame13
Ginevra Giovannoni (Pisa, 1989) toma o seu nome artístico, Rame13, do seu gusto polo mar (MARE en italiano) e a cor do seu cabelo. Ese gusto polas augas é un tema recorrente nos seus traballos.
Rame13, ademais de artista urbana, é ilustradora e tatuadora. O seu estilo está influenciado pola banda deseñada, da que tamén provén certo gusto por contar historias.
As personaxes que representa, ben sexan seres humanos, animais ou vexetais, amosan un estilo moi persoal, sen deixar de lado o contexto no que leva a cabo as súas intervencións murais, o que lle permite narrar, dun xeito onírico e desde a fantasía, a historia dos lugares e os seus habitantes.
Os seus trazos figurativos e dinámicos, xunto ao uso de cores chamativas, fan que as súas pinturas nos trasladen a un mundo que semella máxico malia a súa vinculación coa realidade na que foron creadas.
Considera que a través das conversas coa veciñanza se consegue que as pezas maduren e medren e con elas, o seu traballo artístico e profesional. Deste xeito, quere demostrar que a veciñanza pode participar da arte urbana, logrando que esta sexa unha parte importante da comunidade na que se pinta.
Para Rame13 a arte é un instrumento de comunicación, que mediante o uso dunha linguaxe universal, pode acadar a inclusión social.