Consciente da fugacidade da existencia, a Clara (1983) entroulle a présa por activar canto antes o temporizador. Cando asomou a cabeza cun mes de antelación, o prólogo da súa biografía narraba a viaxe contra o reloxo e o risco do parto no asento dun Seiscentos en plena madrugada invernal. Aínda que o mundo lle deu a benvida en Ourense o día en que as celtas celebran á deusa da inspiración, a súa devoción panteísta agromou nas leiras de Luou. Entre gatos, parrulos e unha besta, un Rough Collie de nome Cockie converteuse no primeiro de moitos amores animais.
Criada na reflexión crítica, nas páxinas de A historia dos bonobos con lentes atopou os primeiros argumentos contra as falacias patriarcais. Insubmisa ante os roles que a declaraban princesa desvalida nos xogos, cando as causalidades das casualidades a levaron á Facultade de Historia, a invisibilización das mulleres no ADN da arte acabou por convencela de que o seu era o bando das meigas.
Convencida de que a creatividade habítanos a todas expectante, a educación artística emerxeu coma rumbo nas primeiras liñas do seu currículo. En 2015, cando a crise aínda era un monstro que metía medo, ocupou o baleiro do local 7H-8A de Área Central cunha galería interactiva. O experimento converteuse na antesala da súa maior obra: un proxecto cooperativo no que dotou de novas vidas á definición de xestión cultural.
Malia o seu odio confeso ao deporte, a destreza gañada nas competicións de agility e a práctica de erguerse de caídas provocadas por un equilibrio corporal defectuoso, axúdana a non deixar nunca de perseverar. Cando se concede unha pausa, gústalle xogar á arqueoloxía nos mercadiños de antigüidades e imaxinar as vidas perdidas de personaxes decimonónicas en fotografías de longa exposición.